Nacín
en Lugo en 1975 e vivín nesa cidade 18 anos. Estudiei Análise
financeiro na Universidade de Santiago de Compostela, onde me licenciei
e obtiven en 1998 o grao con honras. Ó rematar a carreira,
como moitos outros, atopeime cun mercado laboral difícil.
Para a miña desesperación, tras meses de busca non
atopara ningunha oferta. Sen embargo, algo veu a cambialo todo.
No prazo de 6 meses concedéronme catro títulos. Premio
Nacional Fin de Carreira, Premio Fin de Carreira de Galicia, Premio
Extraordinario e Licenciado con Grao pola Universidade de Santiago
de Compostela.
Atopeime no polo oposto: se hai uns meses rexeitaban a miña
solicitude, a partir daquel momento era eu quen rexeitaba as ofertas
que me chegaban de diversas multinacionais como Price Waterhouse
Coopers ou Arthur Andersen". Finalmente, trasladeime a Madrid,
onde traballei para o BBVA inicialmente como Analista Financeiro
e posteriormente como Equity Trader (en cristiano, especulaba con
accións").
Traballei 14
ou 15 horas ó día durante case tres anos, descansando
só para comer e tomar algún café de cando en
vez. Viaxaba constantemente a Zürich, Londres, Milán
ou París. Coido que me fixen bastante famoso no banco ó
pouco tempo...
O 1º de
maio de 2000 -por suposto, ese día fun a traballar- descubrín
unha solución analítica (exacta, non aproximada) ó
problema matemático da réplica de carteiras de investimentos.
Inmediatamente púxenme en contacto cos maiores bancos do
mundo para explicar o achado. Aí comezou a miña diáspora,
viaxando practicamente tódolos fins de semana a algunha praza
financeira para amosar as diversas aplicacións do algoritmo
de réplica. Recibín diversas ofertas, e quedeime coa
mellor.
Na
diáspora suíza
Aquí
síntome como en casa por diversos motivos: o número
de galegos en Zürich é notable, o carácter suízo
é pacífico e complexo coma o noso, o clima é
moi similar ó de Galicia...e por suposto Suíza é
terra de celtas (os Helvetii), como o amosan topónimos tales
como Arosa, Lug(an), Luzerna,... A súa dimensión é
equivalente á de Galicia máis Asturias e a súa
campiña similar a ambas. Quizais sexan estes os motivos polos
que nos temos adaptado mellor que ningún outro grupo étnico
europeo a este país.
Os galegos
gozamos dun excelente prestixio en Suíza. Considérasenos
persoas traballadoras, responsables, pacíficas e emprendedoras,
o cal coincide en gran parte cos ideais do modo de vida suízo.
En ningún outro país teño feito maior gala
da miña orixe que neste.
A banca suíza
é a máis reservada e elitista do mundo, o pedigree
académica dos seus membros é xeralmente cegante (Harvard,
Yale, MIT, Oxford, Cambridge, etc...) e historicamente apreciouse
pola súa rigorosidade e privacidade. Non cabe dúbida
de que a miña orixe foi de gran axuda para integrarme no
grupo. Probablemente, se fora catalán, vasco ou andaluz a
entrada non tería sido tan calorosa.
O
Paraíso (fiscal)
Suíza
é unha gran postal. Cada cidade trata de identificarse con
algún símbolo: Zürich polo luxo, refinamento
e a ostentación (en ningún outro sitio do mundo verás
máis deportivos), Luzern polo seu glorioso pasado, Zug polo
seu minimalismo e por ser a única cidade europea cun 0% de
carga impositiva... e Suíza en xeral polos seus fermosos
lagos, densos bosques e impresionantes cumes.
A
xente adoita acostarse ás 7, calquera que sexa a súa
actividade debe ser bastante ordenada a xulgar pola baixísima
taxa de natalidade
O xeito de vida suízo é, á veces, demasiado tranquilo
e ordenado. A vida nocturna brilla pola súa ausencia, salvo
en puntos moi localizados das cidades (normalmente, as estacións
de tren). Os comercios pechan ás catro da tarde, e a xente
adoita acostarse ás 7. Un pregúntase que farán
tanto tempo na cama... pero calquera que sexa a súa actividade
debe ser bastante ordenada a xulgar pola baixísima taxa de
natalidade. Os suízos son pulcros, silenciosos e metódicos.
James Joyce dixo que "se podería comer directamente sobre
o pavimento do Bahnhofstrasse (a rúa principal de Zürich)".
En certa ocasión, puiden observar como unha señora entregábase
voluntariamente á tarefa de recoller papeis e plásticos
do chan...baixo a chuvia. Non cabe dúbida de que esta é
a terra que veu nacer a Calvino ou a Zwingli. Parece mentira que o
termo 'suízo' fora inicialmente despectivo, ó significar
en antigo alemán "persoa sudorosa ou de escasa hixiene".
A súa
carta de presentación económica podería ser
a seguinte: inflación interior ó 0,5%, desemprego
inferior ó 2,5%. Renda por Capita dobre á española,
carga impositiva practicamente nula... En tanto que Suíza
siga sendo un dos países máis ricos do mundo, non
recibirá ningún incentivo para unirse á ONU,
UE, OTAN, ou calquera outro organismo internacional (moitos dos
cales hospeda).
O suízo
medio é unha persoa de cultura avanzada, que fala fluidamente
3 ou 4 idiomas e chapurrea un par máis, con sorprendentes
recursos económicos: a Oficina Estatística Federal
estimou que o 50% da poboación de Suíza goza dun nivel
de vida comparable ó do 5% máis rico da Unión
Europea. Se ben non é posible afirmar que tódolos
suízos son ricos, sí podemos dicir que unha gran maioría
pódese permitir ser extravagantes (¡a quen se lle ocorre
ir de compras nun Rolls!)
Non hai
unha relixión predominante en Suíza, sendo aproximadamente
o 55% católicos e o 45% protestantes. As Igrexas fináncianse
con impostos directos e autónomos sobre o culto, o que lles
leva a recadar anualmente entre 100.000 e 1 millón de pesetas
por habitante (agora entenderedes por que as Igrexas están
impecables, especialmente as católicas, xa que costa un pouco
máis "unirse" a esta crenza). E como non podía
ser doutra forma nunha capital financeira mundial, a sempiterna
Francmasonería...A súa presencia é máis
que evidente na alta banca e na ONU. Dispoñen dun inmenso
centro de reunión en Lindenhof, un dos puntos máis
altos e caros da cidade.
Recentemente,
diversos bancos suízos recoñeceron a existencia de
"contas durmidas" por importe de 56 millóns de
dólares, abertas por xudeus alemáns con anterioridade
á Segunda Guerra Mundial e nunca reclamadas polos seus propietarios
¿Cal
é a fonte desta impresionante riqueza? Primeiro, debemos
aclarar que en Zürich, a terceira maior capital financeira
do planeta, vive escasamente un cuarto de millón de habitantes,
cifra moi distante dos 15 u 10 millóns de Nova York ou Tokío.
Segundo, o sistema de prezos en Suíza garante un reparto
bastante máis equitativo da riqueza. Así o entendín
de inmediato o día que paguei 20.000 pesetas por unha cea
para dous nun restaurante chinés... Terceiro, as condicións
políticas e xurídicas de Suíza convértena
nun interesante reclamo para capitais estranxeiros, en ocasións
de dubidosa procedencia (estímase que a terceira parte da
riqueza mundial denomínase en Francos Suízos). Recentemente,
diversos bancos suízos recoñeceron a existencia de
"contas durmidas" por importe de 56 millóns de
dólares, abertas por xudeus alemáns con anterioridade
á Segunda Guerra Mundial e nunca reclamadas polos seus propietarios...abertas
nos mesmos bancos ós que cada día acoden a traballar
numerosos correlixionarios.
Suíza,
terra de contrastes: Internacional e aldeá, pacifista e belixerante
Suíza
non é só un centro financeiro, senón tamén
político. Aquí está a sede de practicamente
tódalas organizacións políticas internacionais
(ONU, Cruz Vermella, etc.), convencións e tratados. Sen embargo,
non todo é pacifismo e liberdade nesta nación: Suíza
sufriu guerras por 600 anos ata conseguir o recoñecemento
internacional, os seus mercenarios (o diñeiro sempre foi
importante) participaron en tódalas campañas europeas
ata o século XX, e a muller non puido exercer o dereito ó
voto ata 1971 (no cantón de Appenzell negóuselle ata
1991). Outra gran aparente contradicción é que Suíza
presume de ser internacional dende unha organización política
radicalmente cantonal. Por exemplo, un estranxeiro con permiso para
residir en Xenebra non podería facelo uns poucos quilómetros
máis aló, en Vaud.
Helvecia
é a dama que figura nas moedas deste país, e caracterízase
porque posa en posición tranquila e relaxada, mesmo apática,
coas súas armas apoiadas no chan, en contraste con outras
damas máis belixerantes, como Xermania ou Britania.
Resulta sorprendente
pensar que un grupo de aldeáns veciños de Luzern,
alá por agosto do ano 1291, xuntáranse no alto do
monte Rutli para proclamar democraticamente a súa independencia,
nada máis e nada menos, que do Sacro Imperio Romano Xermánico.
¿Como ousaban retar un puñado de labregos ó
Emperador que dominaba Europa Central? Podo imaxinar perfectamente
ó asombro, seguido de certa mofa, que espertaría na
todopoderosa corte do Emperador Rudolf de Habsburgo, quen inmediatamente
se propuxo esmagar a rebelión. Son os tempos dos lendarios
Guillermo Tell ou do mártir Arnold von Winkelried, quen na
batalla de Sempach abriu co seu corpo un camiño para os seus
paisanos entre as lanzas imperiais.
Resulta
sorprendente que un país coma este poida existir. Non ten
lingua propia, nin lingua común, non ten unha cultura nin
identidade exclusivamente nacionais, e consiste nunha confederación
formada por 26 repúblicas totalmente independentes (basta
un referendo local para obter a emancipación)
Como dicía
Orson Welles en O Terceiro Home, o único producto de séculos
de civilización suíza foi o reloxo de cuco. E é
que resulta sorprendente que un país coma este poida existir.
Non ten lingua propia, nin sequera lingua común (son catro
as linguas oficias), non ten fronteiras naturais, non ten unha cultura
nin identidade exclusivamente nacionais nin unha relixión
predominante, e consiste nunha confederación formada por
26 repúblicas totalmente independentes (basta un referendo
local para obter a emancipación).
En definitiva,
Suíza, se é que existe como concepto, parece o abondo
tolerante para asumir a súa complexidade. Como dicía
un intelectual francés do século XIX, con certa acritude
ó comentar o caótico descentralismo helvético,
"os suízos cren que son racionais e realistas. Non o
son en absoluto. Son capaces de pasar as maiores penalidades para
definir un principio, inmediatamente definir unha ducia de excepcións
a dita regra, para finalmente concluír que é mellor
empregar o sentido común. Noutras palabras, eles cren no
principio de que non hai principios.
Marcos Mailoc
Lopez De Prado
Zürich, 24 de setembro de 2001
Web persoal
de Marcos Mailoc
|