A
presentación ante o público da Gran Mazá da
obra de videocreación "O meu nome, o meu mundo"
estaba prevista para a tarde do martes 11 nun cine en Manhatan.
Os realizadores Carlos García Meixide e Tomás Lijó
Marcote viron como as circunstancias facían imposible, e
bastante fora de lugar, que as proxeccións seguiran adiante.
Este é o último capítulo da asombrosa historia
desta curtametraxe, unha historia que comezou unha tarde navegando
por Internet e que aínda non rematou.
"É
incríble, casualidades coma esta só pasan unha vez
na vida, e supoño que cando esté na miña casiña
e poida durmir tranquilo lembrarei isto como unha aventura tola
que poderei contar ós netos." Deste xeito expresábase
para Culturagalega.org Tomás Lijó desde o barrio de
Brooklin en Nova York. Os dous realizadores marcharon para a Gran
Mazá a semana pasada, xunto con un grupo de amigos que os
acompañaban para compartir con eles a súa presentación
e aproveitar para facer un pouco de turismo na emblemática
cidade. O desastre colleulles case durmidos, asistiron ó
triste espectáculo desde o teito da casa onde están
aloxados no barrio de Brooklin. Catro destes xóvenes, entre
os que están os dous realizadores son xornalistas, e viviron
por vez primeira a sensación de estar "no ollo do furacán",
a comunicación que estes días tiveron con compañeiros
de outros medios levounos a aparecer en varios xornais galegos,
radios e televisións. Unha publicidade inesperada para a
súa curtametraxe, pero non desexada deste xeito."Tiñamos
intención de romper New York, pero isto sobrepásanos...",
bromea Tomás.
Queixas contra
A Casa de Galicia
Mentres, a estrea da súa obra obra pospúxose ata este
venres." O festival suspendeuse o martes e o mercores... era
de esperar. O caso e que nós tiñamos a presentación
da película o martes as 2 do mediodía... Loxicamente,
non puido ser... aínda que puidera, bastante liados andabamos
nós enviando noticias para o país como para andar
asistindo ó festival, polo que , resumindo... non o presentamos."
Pero dentro da campaña de normalización da vida da
cidade que o alcalde Rudolph Giuliani está a impulsar está
tamén a reanudación do festival, "o venres teremos
finalmente a presentación da película, ás 10
da noite. Parece ser que dende a embaixada, que anunciou a presentación,
pode acudir bastante publico español retido aquí (non
poden marchar nin patrás), pois estos encargáronse
de anunciar moi ben, por certo, o evento a través dun boletin
que publican aqui... dos galegos non sabemos se viran moitos, porque
a Casa de Galicia, dende o primeiro momento que contactamos con
eles pasaron olímpicamente do tema ". Esta non é
a única queixa que Tomás Lijó ten cara a Casa
de Galicia de Unidad Gallega, que ten a súa sede na Avenida
Astoria de Manhattan, xa que, según Lijó, "ó
parecer teñen un edificio bestial , cunhas instalacións
do mellor , pois ben, nas listas da embaixada de organizacións
e particulares que se ofreceron para aloxar á xente que quedou
colgada aqui, non se ofreceron. ¿que coño lle interesa
a esta xente?", di Tomás, cheo de indignación.
"A
xente anda absolutamente perdida, desinformada e dende os medios
véndeselles un ideario de vinganza"
A súa
testemuña sobre o que se está a vivir alí mentres
case a metade de Manhattan Sur ameaza con derrubarse da unha idea
aproximada do ambiente, "a xente anda absolutamente perdida,
desinformada, e dende os medios o mais que se fai é venderlles
un ideario de vinganza... Escoitando falar á xente polas
rúas (ós latinos, porque ó resto non os entendo
ben) comprobas como o discurso está
perféctamente integrado nos modos de pensar da xente, cousas
como !!hai que
matalos!!, hai que acabar cos arabes eses!!!, cousas asi.".
Tomás Lijó reflexiona tamén sobre a propia
sociedade americana, tentando de entender mellor todo o que está
a ver, "Do impensable do tema da conta o tratamento mediático,
que realmente só se fixa en cuestións sensacionalistas,
e o trata dende un punto de vista tremendamente infantil. Dalgún
xeito esta é unha sociedade moi infantil, comen o que lle
gusta ós nenos, viven como lles gusta ós nenos e o
raciocinio non parece ir mais alá dos primeiros instintos
de vinganza.. en fin, unha pena..."
Da
Costa da Morte a Nova York
A aventura que
están a vivir estes xóvenes comezou no mes de marzo
cando cubriron un formulario para a pre-inscrición no festival.
Mentres navegaba por Internet, Tomás Lijó, atopou
unha páxina correspondente ó Festival Internacional
de Cine e Video Independente de Nova York, onde un formulario en-liña
ofrecía a posibilidade de propor obras a participar na edición
de setembro deste ano. O primeiro que pedía o formulario
era, ademais dos datos de realización, unha descripción
ou sinopse do argumento. Tomás e Carlos describirón
unha historia na que "un neno filósofo reconstrúe
a sua realidade máis próxima a través de Niezstche
e Schopenhauer, invertindo os roles das persoas nun exercicio de
intelectualidade que ten como escenario a Costa da Morte. As preguntas
filosóficas do neno íllano do seu entorno. Todo isto
nun esquema narrativo achegado ó movemento Dogma e con moitas
influencias do surrealismo," unha aposta atípica como
historia e como plantexamento..
O noiés
Tomás Lijó e o pontevedrés Carlos G. Meixide
compartiron as aulas da facultade de Xornalismo de Santiago, alí
foi onde comezaron a establecer un binomio cunha personalidade moi
forte que os convertiría en inseparables. Alí comenzaron
tamén a organizar recitais e participar en todo tipo de actividades,
como corresponde ós seus espíritos inquedos e creativos.
Baixo o nome artístico de "Lijó & Meixide,
dúo cómico-musical" ofreceron diversas actuacións
en Compostela, onde xa teñen un público de seu, afeito
á súa xenial inspiración. Pola súa banda,
Tomás Lijó xa participou en actividades literarias
como o Batallón Literario da Costa da Morte. O seu carisma
levouno a dar o pregón da festa do Longueirón na súa
terra de adopción: Fisterra, lugar onde tamén transcorre
a acción de "O meu nome, o meu mundo". Este mesmo
ano, como recoñecemento á súa participación
neste festival que levará a imaxen das praias fisterrás
ás pantallas do outro lado do Atlántico, os dous realizadores
deron o pregón das festas desde o balcón do concello.
Ós poucos
días de cubrir e enviar aquel formulario de Internet Tomás
Lijó recibíu unha chamada que, non por desexada, foi
menos inesperada: o comité de selección atopara interesante
o seu argumento e precisaban unha copia do traballo para decidir
a súa inclusión no festival. Non tiñan moito
tempo para enviar a copia, e, desde logo, obviaron o feito de que
a curtametraxe non estaba, nin moito menos rematada. O proxecto
tomou un xiro imprevisto que transformou en vertixinoso un traballo
anteriromente feito a ratos libres. En tres días rodaron
e fixeron a montaxe, traballo todo que, en circunstancias normais,
levaríalles semanas. Unha pequena mostra en vídeo
deste traballo pódese ver no soportal de Culturagalega.org
adicado ó audiovisual. Despois de enviar a cinta comezou
a interminable espera pola chamada do comité, unha chamada
que se fixo esperar aínda semanas. O final xa é de
sobra coñecido, á selección da cinta seguíulle
a organización da viaxe a Nova York, un grupo de amigos decidiron
acompañalos. Sen sabelo estaban chamados todos eles a ser
testemuñas dun dos feitos máis importantes da historia
do mundo contemporáneo.
|