Suso De Toro
O autor esquecido


"Os escritores galegos estánlle a dar á sociedade non só literatura senón tamén identidade"



Suso de Toro decidíu cambiar as columnas, os baseles e os cadros da súa licenciatura en Arte Moderna polas aulas e polos libros. E así fixo arte doutro estilo, a das palabras. Con ela acadou abondosos premios que exhibe orgulloso no seu haber (Premio Galicia con "Polaroid", 1986; Calzados Lola, Premio Blanco Amor de Novela, 1997...). Galardóns que non volverá recibir xa que decidiu non presentarse a un certame en Galicia. Nostálxico di sentirse esquecido dentro do panorama crítico e literario o que lle produce unha fonda tristura.


Por Cristina Mouriño


-É escritor en galego de ficción, de relatos, teatro, cinema, para radio, para televisión, e agora para a internet... ¿é Suso de Toro un escritor multimedia?.


-Eu a veces penso se son exactamente un escritor ou non, porque realmente me sinto máis preto dos teatreiros, dos músicos, da xente da teatro, da liberdade dos artistas. A miña idea de artista está máis cercana e máis realizada na dos teatreiros. Se cadra o mundo do teatro sería o meu, non como actor, porque eu non sería nunca un bó actor, pero sí escribindo para teatro e vivindo con eles. Por outra banda tamén me gusta moito tratar coa xente do cine.
Quero dicir que a miña figura de escritor non se corresponde coa figura de escritores europeos no século XXI; que difunden unha imaxe moi seria moi académica, cunha imaxe de si mesmo moi embagada, moi institucional, e que exerce unha actividade moi de libresca. Sen embargo, a mín o que me gusta é a dialéctica con outras artes, coa público, entón realmente non me acomodo á figura de escritor. Entón ás veces síntome que os límites desa figura non me gusta.

- Na súa páxina web desenvolve un curioso proxecto no que cada certo tempo vai lanzando a rede, coma se fose un náufrago unha mensaxe ¿Por qué xorde un proxecto "Tirar unha botella ó mar"?
Por un motivo, en primeiro lugar porque vivimos nun contexto en España, e na Galiza tamén, de recorte da liberdade de expresión. Nos últimos anos a democracia española estase encollendo enormemente e eu sinto que as miñas posicións, respecto de temas sociais, culturais, políticos teñen menos cancha, e con máis problemas para expresar os meus puntos de vista.
Na internet digo o que quero con liberdade. Non renuncio á responsabilidade, porque debo crer no que escribo e debo crer que o debo dicir, agora ben, permíteme ter a liberdade de que o quero escribir o debo facer. Aínda que a cambio desa liberdade o prezo que pago é que teño moitísimos, moitísimos menos lectores. O que eu escriba practicamente non inflúe no que escriba na internet.
Eso por un lado, por outro vai acorde coa miña natureza que non cabe nuns límites moi pechados. Preciso andar libre como as cabras, quizás porque son capricornio. E nese sentido ter unha páxina propia na que escribo todo o que se me ocorre, eu fabrico cousas moi diversas, non as desenvolvo. Ás veces algunhas das ideas servirían para escribir un ensaio, pero non as desenvolvo, están aí coma un gromo, contendo unha idea, un estado de ánimo. Vai co meu estilo.

-Tiremos outra botella ó mar... seguindo a súa orde levariamos o número nove. ¿Qué contaría esa botella a día de hoxe?.
Collería as notas que vou tomando pouco a pouco (busca unha libretiña pequena no seu peto), a última contaría...... Cando o sagrado encarna nun Deus, personaliza a vida humana vólvese un xuizo constante. Pero non un xuízo ós homes, pois o divino é imperturbáble, senón un xuízo a Deus por parte dos homes, pois os homes xúlgano polo que ocorre e polo que non ocorre: que é a vida. Eso é o que contaría, aínda que pode ser que se matice un pouco máis, pero eso é o que contén esta botella.


"Hoxe en día faise un teatro só para o público asistente e iso é un círculo viciado, hai que abrilo a todo o mundo"




-Antes dixo que estaba máis próximo ós teatreiros. Sabendo que vostede promoveu e escribeu as montaxes de teatro da rúa "Pepa Loba" do ano 76 ó 78.... cos seus antecentes ¿cómo define a relación actual entre o teatro e a literatura en Galicia?

-Hai un problema que é que a sociedade galega, igual que a española, son sociedades incultas. Dicir algo así sona forte, pero mentres non se diga e non se recoñeza non se poñerán medios para evitalo. No noso caso vivimos nunha sociedade que non ten hábitos de cultura, que non ten hábitos de asistir ó teatro... é isto é algo que está aí e que se paga. O teatro galego parte diso, vive e creceu sen con pouco público. Un feito que non se pode improvisar e que desgraciadamente vai a levar tempo mellorar. O teatro é un círculo vicioso, porque tende a concebirse para ese público que xa existe. Tende a evitar, a obviar a búsqueda do público. E isto é un teatro para unha minoría, e é un círculo viciado. Por poñer un exemplo, Shakespeare o que hoxe lemos como un texto literario, no seu día foi un espectáculo ou a materia prima dun espectáculo.

Shakespeare non escribía nin novelas nin libros senon espectáculos. O que era posible en certa época hoxe é posible a través do cinema. En certa medida cómpre recordar que no que no seu día escribiron Sófocles, Esquilo, Shakespeare, Calderón... escríbían cara o público. E creo que hoxe en día había que tentar facer algo parecido. Eu vexo o teatro galego nunha situación peor que o que está hoxe en día a narrativa.

A narrativa....

A narrativa galega nos últimos anos madurou socialmente, e conseguíu unha certa penetración na sociedade, algo que non seu deu no teatro. Ó mellor cando haxa unha interrelación entre os actores que son coñecidos a través da televisión e os espectáculos teatrais, se poida conseguir levar público ás salas e funcións de teatro. Ademais, falta por adecuar os textos para ese público. Eu intenteino cando escribín unha obra de encarga que foi unha comedia que falaba dos temas que me son queridos: a morte, os mortos, os vivos, a memoria dos vivos, os medios de comunicación... Sen embargo, quixen facer unha obra que fose entretida, que fose amena. E o resultado non foi malo porque é o texto literario máis vendido da historia da lingua. Sen embargo, malia ese éxito co público non levou ningún premio. Por iso creo que cando a profesión vota unha comedia que busca o público, non é estimado. Por iso
Deste xeito creo que a profesión teatral tería que revisar e facerse máis humilde, menos "artística" e asumir a humildade do teatreiro.


"A LINGUA NA QUE ESCRIBIMOS CALQUERA ESCRITOR DO MUNDO, É A NOSA CASA, PERO TAMÉN O NOSO CÁRCERE"

¿Vostede que ten publicada a obra en dous idiomas... considera que escribir en dous idiomas pode ser un atranco ou unha ventaxa para a venda de libros?

A lingua na que escribirmos, calquera escritor do mundo, é a nosa casa, pero tamén o noso cárcere. No caso da literatura galega eu sinto agudamente, este segundo aspecto. Entre outras cousas porque non me sinto consolidando aquí tal e como se foi asentando nos últimos vinte anos. A miña idea da literatura galega é anterior á que se foi creando nestes anos de autonomía. Durante este tempo tanto os que aceptaban a autonomía como os que se opuxeron a ela, foronse acomodando. Foise creando un marco político, ideolóxico, institucional... cambiaron moitas cousas neste 20 anos de autonomía. E foise creando unha liteartura na que non me recoñezo.. É o mesmo tempo sinto que non son recoñecido. Teño probas incluso numéricas, e como levo xa case 20 anos nisto e 16 libros publicados, entendo que non é o meu sitio o actual panorama da literatura galega. Non teño referencias, non teño citas, non gaño premios ultimamente... e esta situación faime dano.


¿Non se sinte recoñecido pola crítica, polo público, polas asociacións....?

Afortunadamente teño lectores, que son os que me crearon e me len. Co resto, e o resto son asociacións, editoriais, institucións... síntome moi incómodo. E síntome mal ata tal punto que acordei non aceptar ningún premio da literatura galega. Hoxe en día o que me alenta é o que escribín, os libros, son a miña forza. Non teño outra cousa. Polo resto as relacións coa literatura galega son moi incómodas. Eu síntome moi mal ata tal punto que acordei non aceptar ningún premio futuro posible da literatura galega. A relación coa literatura galega faime dano, por iso eu rompo a relación polo meu lado.

E isto débese...

Simplemente que o que escribo non é do gusto das instancias que escollen os premios. Pero no meu favor podo dicir que os estudios académicos sobre a miña lingua están escritos en cinco ou seis idiomas pero fóra da Galiza. En universidades fóra daquí, e aínda que estean tamén editadas aquí, foron realizadas orixinariamente noutros idiomas. E esta situación é incómoda, faime dano e decidín evitala. Nada espero disto, soamente a xente, os lectores, do demáis non quero saber nada.

¿Non considera que iso o fai máis universal?

Non, eu creo que é importante pertencer a un espacio. Por exemplo, a obra Rosalía de Castro pagou moi caro o feito de estar entre dous espacios: entre a literatura galega en castellano e en galego. E isto fastidioulle moito á recepción. Eu coido que unha obra como "En las orillas del Sar" non ocupou o lugar que debera na narrativa en castelán. Por varias cousas, en primeiro lugar por ser muller, por suposto, e en segundo lugar por exercer a súa obra alonxada de Madrid, que naquel momento era o centro, e en terceiro lugar por ter a obra reproducida en dous idiomas. Creo que o escritor precisa da caixa de resonancia dun idioma.

Sen embargo hai quen pensa o contrario, que escribir en dúas linguas é beneficioso para a obra.

Esa é unha decisión libre que eu non xulgo, pero non é bo para a obra do escritor. Eu non xulgaría a ninguén por esa relación. Pero iso non deixa de ter unha dimensión social. As decisións dos escritores non deixan de ter unha dimensión social, os que escribimos en lingua galega. Eu creo que a sociedade galega non valora o que os escritores galegos lle están a dar, porque é máis que literatura, é tamén identidade porque están axudando a crear un espacio cívico que a sociedade galega non asume. De feito, algúns medios de comunicación quedaríanse aliviados se marcharamos a Madrid e nos puxeramos a escribir en castelán. Porque iso parece que é o que queren, porque non valoran á xente que traballamos aquí, que vivimos aquí e que valoran máis ó que emigra e trunfa en español. Algúns medios de comunicación actuan como axentes de colonización, entón... o que digo é malo para a recepción da obra literaria, porque é bo que forme parte dunha literatura, non que esté repartida en varios idiomas, porque aínda que é individual e responde a un eu obxectiva, e é apropiada para moitos autores, o espacio que refrota é un espacio nacional-literario e lingüístico. Se ti es unha maceira as túas mazás poderán ser comidas por xentes doutros países, sen embargo, tés que enraizar un espacio. E ese espacio é o lingüístico, o afectivo dun país.




outras entrevistas de fin de semana

 

 
 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000