|
Xénero:Documental
Especialidade: Histórico
Guión,
dirección, producción e montaxe: Xan Leira
Música: Jorge Olivera
Direc. de arte:Marcela Santorun
Cámara e Fotografía: Xavier Bar Núñez
Duración: 25 min
Formato: Vídeo Dixital
Rodaxe:
Galicia, Arxentina, Uruguai, Cuba, Mexico e EE.UU
ESCOLLE UNHA OPCIÓN PARA A TÚA
CONEXIÓN
../
56 K
../
256 K
|
|
Poucas persoas saben como
era Castelao de neno ou como se comportaba na máis estricta
intimidade. A importancia da súa figura provoca en non poucas
ocasións que o home que se agochaba tras ela fique no esquecemento.
Mediante a voz de toda unha miríada de persoas que coñeceron
o coñeceron persoalmente vemos como era o Castelao real e
como a súa figura era percibida polos seus coetáneos.
O Castelao neno, aquel que coñecimos a través de "Retrincos",
é lembrado pola súa irmá Tareixa, que recoñece
que non lembra moi ven a etapa que compartiron en Arxentina.
A implicación de
Castelao no galeguismo mediante as Irmandades da Fala e o Partido
Galeguista chéganos dos testemuños directos de Xaime
Illa Couto, Antón Fraguas ou Francisco Fernández del
Riego. Onda a figura de Castelao, coñecemos feitos históricos
coma o referéndum do Estatuto ou a percepción que
tiña a mocidade do líder galeguista e o enorme éxito
das "Cousas da vida" que publicaba no Faro de Vigo, que
nos conta Xosé Claudio Calvino.
A Guerra Civil española ocupa, de xeito inevitable unha grande
parte do filme. O fillo de Alexandre Bóveda, Xosé
Lois, lémbranos os primeiros momentos da Sublevación
en Pontevedra e a actuación do seu pai facéndose cargo
do Goberno Civil. Xosé Claudio Calviño, que foi alumno
de Castelao, nárranos un pequeno acontecemento que amosa
a situación en 1936. Poucas semanas despois de que comezase
o alzamento, de volta ás aulas en Pontevedra, os rapaces
de trece anos comezaron a ver os seus compañeiros de loito
polos familiares fusilados e foron coñecendo a realidade
da situación. Fixeron entón, no medio da clase e escribindo
a man nos cuadernos, unha proclama en contra do exército
e reivindicando a figura de Castelao e dos outros represaliados,
feito do que se falou durante semanas na cidade.
A experiencia de Solidariedade Galega Antifeixista mantendo o contacto
cos soldados galegos na fronte ou a importancia da presencia de
Castelao en Cuba e en Estados Unidos á hora de reclutar membros
para as Brigadas Internacionais, son narradas por persoas que as
viviron tan próximas coma Elixio Rodríguez ou Xosé
Neira Vilas.
Continúa o filme
coa narración da experiencia do exilio de Castelao, coa constitución
do Consello da Galiza, a estrea de "Os vellos non deben namorarse",
ou o recibimento que se lle tributou a Castelao na súa chegada
a Arxentina. Neste apartado atopamos o único documento sonoro
que se conserva de Castelao, que é precisamente a gravación
que realizou para presentar a súa obra de teatro en Montevideo.
A narración continúa con testemuños tan destacados
coma o de Santiago Carrillo, que conta como coñeceu a Castelao
cando investiron o galego coma ministro do Goberno da República
no exilio.
A última parte da película fálanos da morte
de Castelao. Pouco despois de pronunciar o seu coñecido discurso
"Alba de gloria", sometido a unha operación, sufrindo
unha lobotomía á que non sobreviviría dous
días.
Xaime Illa Couto, Elixio Rodríguez e Díaz Pardo fan
un sentido relato sobre o que significou a morte de Castelao para
a colectividade galega. O "presidente ideal de Galicia",
o "capitán xeral na loita do nacionalismo contra o centralismo"
abandonaba este mundo o 7 de xaneiro de 1951.
O Filme
A película que presentamos é un extracto de "Castelao
e os irmáns da liberdade", longametraxe dirixida por
Xan Leira, que ademais de testemuños máis extensos,
atopamos recreacións históricas e inclúe no
mesmo sentido manifestacións artísticas coma a danza,
a música e a pintura. A pesar do ton obxectivista que se
pode contemplar no fragmento que reproducimos, Leira busca na longametraxe
dar unha visión persoal e sentimental dun período
histórico de Galicia, o exilio provocado polo franquismo,
seguindo a figura de Castelao.
O filme foi realizado
a partir da iniciativa do autor coa colaboración de institucións
coma as universidades de Vigo, Buenos Aires e Uruguay, o Consello
da Cultura Galega, os concellos de Ferrol, Pontevedra e Vigo ou
o Arquivo Histórico da Emigración Arxentina entre
moitos outros.
Os tres anos de traballo que dedicou o director a este proxecto
fixeron que percorrese todos os escenarios da vida de Castelao recollendo
declaracións que chegan a un total de corenta horas de historias
de vida. Parte deste material verá a luz en dous novos proxectos
que completan un tríptico cinematográfico da historia
galega, centrándose na Guerra Civil e na Transición
cara a democracia.
A preestrea oficial do filme fíxose o día 28 de xuño,
coincidindo co aniversario da celebración do plebiscito polo
Estatuto de Autonomía en 1936. A partir de ahí comezou
a distribución do filme en salas cinematrográficas
e outros espacios de exposición.
|