Eugenio Granell, Maruja Mallo, Paco Pestana, Urbano Lugrís, Xesús Carballido... son nomes vencellados a unha mesma corrente; a un mesmo movemento: o surrealismo. O mesmo que seguindo os pasos de André Bretón chama á imaxinación e ó ensoño, ó desprezo da conciencia e o respecto ó subconsciente. É unha metáfora da realidade.
ARTIGO ESPECIAL

O ALENTO DUN SURREALISTA
por Xosé Manuel Lens

Eugenio Granell fixo da arte a súa vida, pero da arte que se escribe coa linguaxe do pensamento, porque el cativa desde o subconsciente, desde a realidade que subxace tralo non definido, da memoria que, se ben a atopamos preto, desdebuxámola na lembranza.

LER MÁIS...


Un dos ismos da Europa de vangarda
Á estela dos numerosos ismos que se desenvolvían vertixinosamente por Europa, André Bretón (pai-creador do movemento) deu orixe ó "Manifesto surrealista" no que se propuxo a arte como meta, nun intento de "expresar verbalmente, por escrito ou de calquera outra forma, o funcionamento real do pensamento".

Ó seu abeiro numerosas figuras do panorama cultural se fixeron eco desta nova forma de representación. De Giorgo a Chirico, o movemento conta con adeptos como Dalí, Enrst, Masson, Miró, Magritte, Giacometti que souberon combinar a técnica clásica coa representación do mundo onírico que dictaba o seu subconsciente.

Surrealismo a granell, os cimentos
E entre o elenco de amigos do pai do surrealismo figura Eugenio Granell, a chave de entrada do movemento en Galicia. Granell apoiouse na súa obra para reflectir a súa visión da realidade, amosando as tendencias políticas que o obrigaron a emigrar en numerosas ocasións. Santo Domingo, París, Guatemala, Porto Rico, Madrid, Nova York... a súa viaxe constante servíulle para entrar en contacto cos creadores plásticos máis importantes do momento, os mesmos que despois lle recoñecerían a súa valía.

Un periplo vital no que o surrealismo se converteu como unha vía de escape a través do que puido reflectir o seu amor á liberdade. Tralos seus pasos, o seu irmán Mario Granell, que sen gozar da súa influencia, tamén caminoou paseniñamente polos sendeiros trazados dentro do movemento.

Máis nomes e figuras



Eugenio Granell encantando serpes
na súa estadía en Puerto Rico

Se Granell foi a figura máis importante do movemento en Galicia, cómpre non esquecer que tampouco foi a única. Á súa sombra traballaron ó amparo das características de amor á liberdade e ó subconsciente do movemento moitas figuras. A pouco recoñecida Maruja Mallo (Lugo, 1909), considerada a primeira pintora do movemento en España; ou moitas outras figuras que se adentraron nalgún momento da súa evolución plástica dentro da estética surrealista. Foi o caso de Laxeiro (Lalín, 1908- Vigo, 1996), de Xosé Lodeiro (Vigo 1932) que na súa primeira etapa mimetizou a obra de Chirico. Unha influencia que tamén se deixou sentir na obra de Urbano Lugrís (1908?-1973) un dos creadores galegos que máis se mergullou nas propostas da corrente surrealista, sobre todo no que se refire á concepción escenográfica tanto dos espacios como dos cadros, na súa visión do mundo marítimo.

Baixo o amparo da Fundación Granell, principal reducto do surrealismo en Galicia, numerosos artistas que fixeron incursións significativas neste movemento presentaron as súas obras. Destacan Paco Pestana e Xosé Carballido.Pestana é o artista da globalización, pero entendida non como intercambio industrial, senón como cruce e mestizaxe, sen convencións e xerarquías. O país pestana que recolle na súa creación, é un país con "horror vacui", cheo de erotismo, un mundo en conflicto onde pretende romper tabús e crear novos xeitos de sentir. Pola súa banda Carballido é un recuperador de obxectos que o tempo deixou sen función e utilidade. Dálles vida propia, unha historia e outórgalles ademais unha funcionalidade e un protagonismo dentro da súa propia obra, dentro da súa propia realidade.


O surrealismo, herdeiro da voráxine de ismos que se sucede no momento das vangardas en Europa, deixou en Galicia, moitas pegadas, pero poucos representantes "puros". Realmente é un dos movementos menos estudiados, no que moitos dos creadores plásticos de vangarda, fixeron incursións nalgún momento da súa vida.

 

Agradecementos: á Fundación Granell que nos facilitou o material gráfico para esta sección

 

 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000