Baixo o tema central da invención da tradición,
o Congreso de Antropoloxía Musical Galega que comeza o
venres vintecinco en Lalín tratará a relación
da música popular coa sociedade e a súa importancia
na construcción cultural. Avanzando desde a antropoloxía
xeral ata á análise do texto musical, pasando pola
situación desta arte no século XIX, contemplaranse
os máis diversos aspectos da tradición sonora galega.
Os
relatorios: Contexto
O programa do congreso dedica a súa primeira xornada, a
do venres vintecinco, a dar unha visión de contexto da
música desde a Antropoloxía e a Historia. Con esta
xornada búscase comprender o mecanismo de cambio social
desde a cultura tradicional á de masas e o reflexo desa
mudanza sobre a música. No mesmo sentido investígase
como se conservou a tradición musical a través dos
cancioneiros e ata que punto a recreación desa música
pode considerarse unha invención da tradición ó
ter chegado a nós por medios non tradicionais.
Para tratar estes temas interverán o destacado antropólogo
Marcial Gondar Portasany, e os musicólogos Pilar Alén
e José Antonio Gómez. Todos eles intercambiarán
impresións nunha mesa redonda co título "A
invención da tradición".
Os relatorios: O Texto
A segunda xornada do encontro centrarase no texto musical
en si mesmo, abordándoo coma creación-recreación,
coma análise e coma proceso de comunicación. Así
verase o emprego do folclore nas novas composicións ou
os métodos de análise e de ensino da música
popular.
Os encargados de tratar estas cuestións serán o
compositor Millán Picouto, o profesor de análise
musical Ramón Sobrino e a educadora musical portuguesa
Rosa María Torres.
Actividades
Ademais das conferencias e coloquios desta fin de semana,
desde o pasado luns véñense desenvolvendo varios
actos pararelos.
Así, no propio edificio do Conservatorio de Música
da vila pódese ver unha mostra sobre o tecido tradicional
e o emprego que se lle daba no século XIX. Ademais das
pezas de tecido en si, poden verse algunhas das ferramentas empregadas
para facer estas teas. Dedntro desta mesma mostra o luns pasado
presentouse o libgro "O tecido" de Manuel Rodríguez
Calviño e Belén Sáez-Chas Díaz, editado
polo Museo do Pobo Galego.
Ata onte mesmo estiveron a proxectarse no mesmo edificio as películas
"Nuestras fiestas de allá" e "Galicia y
Buenos Aires", rodadas por José Gil en 1928 e 1931
respectivamente e que amosan as tarefas agrícolas e as
festas na sociedade tradicional. Aínda que non chegues
a tempo de velas, non te preocupes, están no noso Soportal
de Cine.
Dentro destes
actos realizouse o xoves unha visita guiada ó Museo Etnográfico
de Doade, e o día vinteseis, no acto de clausura, proxectarase
un video e farase unha homenaxe ó grupo de gaiteiros da
comarca "Os dezas". Ese mesmo día está
previsto un concerto de alumnos do conservatorio no que interpreterán
temas tradicionais arranxados para a ocasión.
Os actos pecharanse o sábado co concerto-presentación
do disco de Henrique Otero "O gaiteiro do Fragoso",
resumo de toda unha carreira coma intérprete e compositor
de gaita. Se che queda pena de non escoitalo, tes unha mostra
deste traballo en RCG.
Conservatorio de Música Tradicional
O Conservatorio
de Música Tradicional e Folque de Lalín naceu hai
dous anos coa intención de formar profesionais da música
tradicional. Nel impártense cursos de diferentes instrumentos
coma gaita, zanfona, acordeón ou percusión, ademais
de abordar o canto e outros aspectos prácticos de música
patrimonial. A nivel teórico tamén se trata o método
de estudio da música patrimonial, as últimas tendencias
de estudio e a ética e estética da nosa cultura
musical.
Actualmente hai oitenta alumnos matriculados, que participan tamén
en cursos temáticos, obradoiros e conferencias. O centro
é o segundo de Galicia dedicado á música
tradicional e o primeiro que busca un proxecto curricular de centro,
acadando consolidarse coma o referente na formación no
eido da música tradicional.
A dirección do centro está a cargo de Uxía
Pedreira, que imparte a asignatura de canto ademais de ser vocalista
do grupo Chouteira. Outros profesionais da música implicados
no proxecto son José Dopico, encargado da fonoteca e da
biblioteca, Edelmiro Fernández, profesor de gaita, Francisco
Estévez, docente en percusión ou Óscar Sanjurjo,
que dá as clases de sanfona.
Actos no congreso e relacionados
Calendario de actos paralelos programados no congreso para
esta fin de semana: