FAUSTO
O ritmo do pobo


"En Portugal a música popular salvouse e desenvolveuse dentro dos muros da universidade"



Naceu nun barco, viviu en Angola, no último cuarto de século encarnou, onda outros cantores coma José Afonso, o espírito da música popular portuguesa e do Vintecinco de Abril. As súas letras, oscilando con mestría entre unha ironía constante e unha grande profundidade poética, a súa fidelidade renovadora dos ritmos tradicionais e a súa fonda temática social fixeron del unha figura mítica na historia da música portuguesa. Discos como "Madrugada dos trapeiros" ou "Por este río acima" forman xa parte da banda sonora do país. Achegouse a Compostela o pasado mes de novembro para participar no congreso "Galego no mundo. Latim em pó" e, aínda que odia conceder entrevistas, aceptou gostoso falar connosco.


Por Xermán Hermida



-Vostede xa estivera por Galicia.

-Si, hai algúns anos que non veño. É curioso, eu comecei a gravar discos nunha editora portuguesa, e foi cando eu mudei para unha multinacional os discos deixaron de ser editados en España. Agora que non se edita acó, eu tampouco lle pido nada á editora, aínda que o lamento porque estamos preto un dos outros aínda que un pouco diferenciados, non é que o río Miño sexa unha grande fronteira. Tampouco estou moi ó tanto de que é o que se está a facer en Galicia, infelizmente. Sei que hai festivais en Portugal ós que van grupos galegos, pero non coñezo a obra deles. ¿Como ve as relacións entre Galicia e Portugal? É lamentable que culturas tan próximas, cunha lingua tan próxima, que en realidade é a mesma falada nun ton diferente, que é algo riquísimo, estean tan incomunicadas. Existe unha certa comunicación, polo menos no campo do comercio e da industria, pero na cultura non hai. Hai un esforzo dalgunhas persoas neste sentido, pero é preciso que sexamos un mesmo espacio en termos culturais, pero infelizmente non é así. Pode ser que a creación de grandes espacios coma a Unión Europea, pode favorecer a tendencia a se aproximar máis. Non comprendo por que cando eu lanzo un disco en Portugal e vai ás radios, non vai tamén ás radios galegas ou, por que cando un grupo galego saca un disco, non se distribúe nas radios portuguesas. Hai algún problema, a industria discográfica está dominada polos intereses americanos. Eu teño idade de abondo para que cando lanzo un disco, saia na radio, pero os máis novos ¿como poden ser divulgados?.


"É LAMENTABLE QUE CULTURAS CUNHA LINGUA TAN PRÓXIMA, QUE EN REALIDADE É A MESMA, FALADA NUN TON DIFERENTE, ESTEAN TAN INCOMUNICADAS"


-¿Como resumiría o panorama musical en Portugal?
-A situación en Portugal en termos musicais é que se hai dez anos a música popular portuguesa tiña unha divulgación minoritaria, había unha divulgación enorme do chamada rock portugués ou pop portugués. A música tradicional é minoritaria no seu propio país. Agora estamos pasando unha fase insólita, e é que grupos de rock que cantan en portugués xa non son divulgadas na radio, son as bandas que cantan en inglés as que teñen grande éxito. Estamos a negar a nosa propia identidade dunha forma vergoñosa e somos poucos os resistentes, estamos ante unha concepción que corresponde á dislocación dos éxitos napoleónicos no eido da cultura.

-Vostede forma parte dunha xeración que recuperou os ritmos tradicionais.
-A xeración á que pertenzo tentou ir contra iso. Eu creo que en Portugal a música popular salvouse e desenvolveuse dentro dos muros da universidade. E isto aconteceu porque o pobo estaba amordazado, e quen pensou en preservar iso foi un grupo social extremadamente atípico que son os estudiantes, que percibiron que estaba a acontecer. E aí comeza o movemento, con José Afonso, aínda que José Afonso non caeu do ceu. Antes del existiron António Manano e Edmundo Betancourt, a quen José Afonso admiraba.


"NON CREO NA DIFERENCIACIÓN ENTRE MÚSICA ERUDITA OU NON ERUDITA. TODA ELA ESIXE O COÑECEMENTO DUNHA TÉCNICA"


-¿Non é curioso que este movemento de recuperación do tradicional estivese feito por xente de esquerda?
Probablemente foise por oposición ó réxime de dereita, houbo tamén un impulso político. O poder estaba a presentar unha estética que non nos parecía correcta, e sobre todo a esquecer a memoria dun pobo. Tivemos o honor de facer esta cousa insólita que é tornarmos nosa a memoria dun pobo e desenvolvérmola. Eu non creo na diferenciación entre música erudita e non eurdita, toda a música é erudita porque sexa tradicional ou clásica esixe o coñecemento dunha técnica. Cabe dicir que houbo unha certa erudición na música popular. Desde que Giacometti fixo unha colleita da música tradicional, o maestro Lopes Furaço que clasificou, seleccionou e deu un sentido teórico, o propio Manando, e ata chegar a min éramos todos académicos.

-¿Pensa que no futuro a música popular vai estar en mans de elites intelectuais ou vai seguir ligado ó pobo?
-Ligado ó pobo penso que infelizmente non. A ferida feita entre os anos 1933 e 1950 ó apagar unha memoria, creo que é prácticamente irrecuperable. Ó comezo da nosa rodase coincidimos cos intereses da industria musical, que teñen intereses moi instalados e prácticamente mafiosos. Agora ó pobo chegan outros, a música popular é minoritaria. Tampouco creo que o pobo a siga a facer, infelizmente porque non hai noticia dun compositor popular ou tradicional. Pode soar terrible, pero a recolla da música tradicional portuguesa está prácticamente feita, ¿onde está a nova? ¿Qué é o que se fai nas feiras, nas vilas, nas aldeas...? Non se está a facer nada, e sobre iso tamén teño unha visión moi negativa. Agardo que persoas intelixentes e inquisidoras prosigan. Considero que a xeración musical á que pertenzo, que eu chamaría a "Ínclita Xeración da Música", e estou orgulloso de ter pertencido a ela.

¿ Como trata a música tradicional nos seus discos?
"Madrugada dos trapeiros" foi a primeira aproximación que fixen á rítmica tradicional portuguesa e a miña procura de desenvolver a partir dela. Temos que ser creativos neste aspecto, non podemos tocar sempre coma os máis vellos, temos que inventar algo a partir da matriz da música tradicional. Desde esa matriz eu desenvolvín o que chamo música popular portuguesa, porque mestura varios ritmos tradicionais, varias informacións desa matriz. Desde entón eu permanezo na mesma escola, aínda que teño feito unha excepción, que foi condensar nun só disco chamado "A preto e branco" a miña africaneidade. Así como Zeca Afonso a distribuíu ó longo da súa obra, eu concentreina neste único disco que foi completamente denostado polos meus oíntes.

Un dos seus discos máis destacados segundo a crítica,"Por este río acima", está baseado na obra "Peregrinações", un relato das viaxes do portugués Fernão Mendes Pinto pola India e China no século XVI. ¿Como xurdiu esta obra?

Cando era meniño, lin nunha revista de banda deseñada chamada Cabaleiro Andante unha versión das "Peregrinações" de Fernão Mendes Pinto, e foi ese o meu primeiro contacto coa obra. Máis adiante lin o libro, e pareceume unha obra riquísima e pensei en facer música en base a esta obra. Isto realizouse primeiro no disco "Histórias de viageiros", na que xa incluía unha canción que tiña xa ese título. "Por este rio acima" foi a primeira entrega dunha triloxía que quero facer. O seguinte capítulo saíu no 94, foi un álbum chamado "Crônicas da terra ardente". Ó igual que no anterior, narro a partida e o regreso das naves, porque no fondo a saudade portuguesa é iso, creo que Pessoa tiña razón cando falaba de "saudade do futuro". "Crónicas da terra ardente" conta a partida outra vez, pero non chega ás paisaxes de extremo oriente, as traxedias e as alegrías acontecen en África, é o comezo da entrada dos portugueses nos continentes. Eu nacín nun barco, unha cousa moi curiosa, e posiblemente iso explica moito o meu interese polas viaxes. No terceiro capítulo, que aínda está por facer, narro a penetración polos continentes e o contacto con outros pobos."Crônicas da terra ardente" dividiu o club indefectible dos fans.


"O 25 DE ABRIL FICOU AQÚEN DOS MEUS SOÑOS, EU SOÑABA MOITO MÁIS"

-¿Que ficou en Portugal do 25 de Abril?
-Fundamentalmente a liberdade e o réxime democrático. Ficou aquén dos meus soños, eu soñaba moito máis. ¿O que? Eu esperaba que a riqueza do meu país fose mellor distribuída, que houbese máis igualdade neste aspecto. Aínda así, prefiro a liberdade e a democracia que o réxime anterior. E ¿quen sabe?, ó mellor a xente avanzar no futuro cara outras cousas que beneficien máis o pobo portugués e sobre todo combatan a pobreza, a exclusión e a marxinalidade.

-¿Que é para vostede a lusofonía?
-Antes de nada quero dicir que estou totalmente de acordo co termo, aínda hai moita xente que ten algúns prexuízos polo de "luso". E a lusofonía para min ten sentido. Non ten sido moi ben tratada, a CPLP (Comunidade de Países de Língua Portuguesa) debería ser máis activa. A lusofonía significa para min, sobre todo, a descuberta dunha fala e dun universo común. Non teño ningún problema sobre a palabra luso, porque nos é común, porque de aquí partiu a lingua, a mesma lingua. Hai unha sensibilidade común, esa lingua uniu millóns de persoas.

-¿Ve aspectos positivos na mundialización?
-Vexo aspectos positivos, pero só como forma de divulgación das outras culturas, non a través da homoxenización das formas de ser, sentir e pensar. Estou en contra do chamado pensamento único. Eu son un home de esquerda, e curiosamente nunca estiven en contra da formación da Unión Europea, porque entendo que a formación dese grande espacio é positiva e próxima ós pobos, aínda que podo estar en desacordo coas políticas adoptadas por ese espacio.


"SON UN HOME MENOS DE CERTEZAS QUE DE DÚBIDAS, SON PRÁCTICAMENTE UN CARTESIANO E CONFRÓNTOME COMIGO MESMO"

-¿Cales son os seus próximos proxectos musicais?
-Estou a escribir un disco de orixinais pero con moita calma, sen presa. Eu podía escribir máis rápido, pero non teño presa. Teño ciclos de creación alongados pero non teño presa. Eu racho moito papel, sobre todo ó día seguinte, cando oio o que escribín o día anterior. Son un home menos de certezas que de dúbidas, son practicamente un cartesiano e confróntome comigo mismo.


outras entrevistas de fin de semana


 
 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000