PORTADA>>>
   
   
 

 

A LEI DO MÁIS FORTE
Desde esta fin de semana os cabalos vólven ós curros. Coa chegada do bo tempo, unha das tradicións máis ancestrais volve a estar en boga. É o momento de que homes e cabalos midan as súas forzas nos curros. Un espectáculo de suor, de valentía, de loita "corpo a corpo" por doblegar ás bestas para facerse coas súas crinas que logo serán subhastadas. É a lei do máis forte.

 

Aínda que é máis coñecido como "A rapa das bestas", a rapa só é a parte máis espectacular de todo o fenómeno. Un fenómeno que non é nin novo exclusivamente seglar. Cunha orixe eclesiástica, numerosas localidades improvisan un curro no que se separan e marcan as bestas que viviron en liberdade nos montes durante todo o ano.

Entre a realidade e o mito
A orixe das Rapas non é nidia. A tradición oral amosa compoñentes internos de tipo relixiosos e populares que se dilúen. Ben é certo que dende antigo se ten documentado en Galicia a existencia dunha cabana de gando cabalar. Exemplos disto nos quedan os petroglifos de Campo Lameiro nos que se inclúen representacións de cabalos. As bestas vivían en liberdade durante todo o ano e unha soa vez xuntábanse para proceder á corta das súas crinas así como a súa marcaxe e separación.

A Rapa máis antiga que se documenta en Galicia é a de Sabucedo (A Estrada), a única que ten un curro fixo construído ó lado da igrexa (aínda que dende hai catro anos ten un espacio novo). Conta a lenda que a orixe se remonta a unha ofrenda que dúas irmáns lle fixeron ó santo patrono da parroquia, San Lourenzo, para que defendera as súas bestas dunha peste que estaba asolando á bisbarra. No tempo que durou a ameaza as irmáns refuxiáronse nunha cabana. Pasado o perigo as mulleres cumplen a súa promesa doando ó párroco dúas bestas que co tempo se foron multiplicando nos montes sen perder a súa condición de pertenza ó santo.

Unha lenda que se corrobora con algúns feitos históricos, como o que realmente existíu unha peste (documentada nos libros dos cregos da parroquia) e o lugar onde se refuxiaron as irmáns ben podería ser un lugar que se chama "O Coto da Cabana".


os cabalos que viviron libres todo o ano entran nos curros

Un espectáculo, unha vez ó ano
Nos últimos anos as "Rapa das bestas" van gañando máis forza e popularidade. Xa non só son os veciños, nin os familiares nin os amigos. Cada ano que pasa, a súa sona trascende os nosos límites traendo a xentes de fora. A espectacularidade do evento, as paisaxes privilexiadas e o contacto coa natureza son algúns dos alicientes dun fenómeno que ten tres momentos ben diferenciados.

A baixa: Antes de que saia o sol, os grupos de mozos e mozas van tomando posicións. É o momento de localizar e xuntar os cabalos que durante un ano viviron en liberdade nos montes da bisbarra. Armados unicamente cos "paus de moca", pequenas varas de cabarllo ou cerqueiros que se apoian no chan cun bulto en forma de verruga, a pé ou a cabalo van agrupando as bestas en pequenos "peches". Mentres, no curro os loitadores preparan as tesoiras e os coitelos. Chega o momento.
Cando todo está disposto, e cando o sol pecha con forza, comeza "a baixa". Cabalos, eguas e potros seguen o sendeiros marcados camiño do curro.

A rapa: Chegou a hora. Os cabalos entran no curro. Tensión. O ruído dos coitelos confúndense cos rinchos. As bestas comezan a alborotarse. Nas gradas silencio absoluto, o espectáculo está a piques de comezar. Os loitadores permanecen á espera, observando e analizando a bravura dos cabalos. Localizado. A fereza dos cabalos é determinante para que se escolla o primeiro branco. Entre suor, dentadas e patadas os loitadores tumban o cabalo máis fero para marcalo e cortarlles as crinas.
Nas gradas o público cada vez máis numeroso asiste a esta demostracion de forza con emoción contida. A resistencia das bestas e a pericia dos loitadores para conseguir o seu obxectivo é determinante na calidade do espectáculo. Un evento de alto risco no que os loitadores non sempre saen ben parados.

Subhasta e volta ó monte: Marcados e rapados, separados as crinas dos cabalos son subhastadas ó mellor postor. De ser empregadas como cerdas para construír basoiras ou cepillos ata fetiches as crinas son o exemplo do trunfo do home sobre a besta, da colectividade e da competitividade. En resumidas contas, a exhibición da lei do máis forte.

Datas
Desde este domingo coa rapa no Curro de Valga (en Oia, en Pontevedra) comeza a temporada das Rapa. Aquí tedes un calendario para que poidas asistir a un espectáculo que merece a pena ver.

MAIO  
Curro de Valga, en Oia (Pontevedra) 2º domingo  
XUÑO  
Curro de Torroña, en Oia (Pontevedra) 1º domingo  
Curro de Mougás, en Oia (Pontevedra) 2º domingo  
Curro de Morgadáns, en Gondomar (Pontevedra) 3º domingo  
Curro de San Cibrán, en Donas- Gondomar (Pontevedra) 4º domingo  
Curro de A Capelada, en Cedeira (A Coruña) último domingo  
Curro Campo do Oso, en A Pastoriza-Mondoñedo (Lugo) último domingo  
XULLO  
  Curro de Sabucedo, en San Lourenzo de Sabucedo- A Estrada (Pontevedra) 1º sábado, domingo e luns  
  Curro de Candaoso, en San Andrés de Boimente-Viveiro (Lugo) 1º domingo  
  Curro de Amil, en Amil-Moraña (Pontevedra) 2º domingo  
  Curro de Monte Castelo, en Cotobade (Pontevedra) 2º domingo de xullo  
AGOSTO      
  Curro Recarei-San Tomé, en O Valadouro (Lugo) 1º domingo  
  Curro da Paradanta, en Luneda-A Cañiza (Pontevedra) 4º domingo  

 

 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000