-¿Como
ve vostede a situación da literatura galega actual?
A situación da literatura galega actual é boa, está no seu mellor
intre. Existen correntes diferenciadas e hai discursos hostís uns
cos outros, máis ou menos explícitos nos seus planteamentos. O que
lle falla é un acompañamento crítico suficiente, non existe esa
mesma pluralidade de discursos críticos como existe nos textos.
Tamén lle faltan algúns xéneros literarios que están practicamente
ausentes en toda a historia da literatura galega, como é a biografía.
Un sistema literario coma o galego que funciona como tal desde hai
cen anos ou máis sempre tivo esta eiva, xunto co discurso crítico
plural, que anque ten grandes aparicións críticas individuais precisaría
que se abrisen máis escolas
-
¿Cre que é necesaria unha literatura de cordel e de masas para acadar
esa normalización?
Non,
a literatura de masas é sempre un subproducto que se orixina cando
existe unha boa saúde. De todas maneiras eu observo que hai un retroceso
diso que ti chamas literatura de cordel, da literatura popular.
Hoxe eu non vexo nos quioscos os "tebeos". O "tebeo" converteuse
nunha momia. Antes chamábanse chistes, contos, agora é cómic, están
nun nivel de cultura media alta ou alta. Tamén desapareceu a novela
de quiosco e está sendo substituída por productos de máis calidade
como é Pérez-Reverte na literatura española, o que xa non
hai é a colección de Marcial Lafuente Estefanía. Hai polo tanto
un retroceso dese subproducto. Por outra banda, teño a sensación
de que a masa que se alimenta dese subproducto está máis
volcada na televisión. É unha opinión.
"A
LITERATURA GALEGA PRECISA MÁIS POLÍTICA DE GALEGUIZACIÓN
CON DISCRIMINACIÓN POSITIVA."
- ¿Como profesor, cre vostede que se está difundindo axeitadamente
a literatura galega entre a xente nova?
Si, máis ou menos como se difunde a literatura en castelán, desde
logo sen ningún tipo de discriminación positiva cara á literatura
galega, que sería preciso facer. Desde o momento en que se introduce
no ensino convértese nunha literatura normal ou de apariencia normal.
Agora ben, eu penso que necesita determinados apoios e máis política
de galeguización con discriminación positiva para a literatura galega.
- ¿A selección de autores para o Ensino Secundario parécelle axeitada?
Todo é discutible, existe un canon común que hai aceptalo. É indiscutible
que Rosalía, Curros e Pondal son os fundadores e a partir de aí pódense
discutir moitas cousas; pero eses están asentados con xustiza, non
polo discurso crítico nin teórico senón polas masas e polos lectores.
Despois, no que se refire ó ensino en xeral, o que se difunde nas
aulas é o que lles gusta ós profesores ou o que eles pensan que lles
vai gustar ós rapaces, o que tamén é arriscado. Con respecto ó curso
de literatura galega de COU, que agora desaparece, podía ser esa a
selección que se fixera, pero tamén podía ser outra. A min nunca me
preguntaron, porque tampouco son profesor de literatura galega, pero
vexo que é discutible nos medios académicos.
- Vostede comezou na literatura por militancia, ¿continúa nela por
militancia?
Si, pero entendendo esta dunha forma non coma agora, coa militancia
neste ou naquel partido ou en clave política, é unha militancia en
sentido profundo. A literatura é de todo o mundo e pode ser un ben,
pode ser unha mercadoría, pero tamén pode ser unha ferramenta de intervención.
Porque a ver quen me di a min que a literatura relixiosa de San Juan
de la Cruz de propaganda mística non é unha literatura de intervención.
O que pasa que hai determinadas ideoloxías ou intereses que resultan
antipáticos á xente, entón non é que estean contra a literatura de
intervención senón que están contra a literatura de intervención de
determinadas ideas e doutras non.
- ¿Que é a literatura para vostede?
Algo perfectamente inútil tanto para intervir como para non intervir.
A literatura e en xeral a función poética da linguaxe é algo inútil
e necesario como a ciencia pura e primixenia. Einstein non ideou a
relatividade para algo terreal nin pensando nos mercados senón por
saciar unha curiosidade humana, porque o ser humano ten curiosidade
e crea a ciencia e coa ciencia fai filosofía e tamén ten necesidade
de manifestarse nun nivel de linguaxe ambigua como fai o poema.
"SOMOS
DA LITERATURA DA QUE VIMOS ANTERIORMENTE E SÓ LEMOS SOBRE
ESTA LITERATURA"
- ¿Cales considera que son as súas maiores influencias no eido literario?
A verdade é que son tantas..., probablemente todos os libros que
lin con interese deixáronme algún tipo de pegada. Somos da literatura
que vimos anteriormente e só lemos sobre esa literatura. É unha rede
moi vasta, e eu non pode dicir que teña máis influencia dun autor
en concreto ca doutro.
- ¿Cre vostede que non se inventa nada novo?
Non, non pode haber ningún pintor hoxe no século XXI que faga un cadro
máis interesante que a Gioconda nin ningún poeta galego que escriba
un poema mellor cá cantiga de San Simón de Mendiño. Non hai
progreso nesa materia, hai continuum.
"ESTOU
CONVENCIADO DE QUE HAI LECTORES DOUTRO TIPO DE LITERATURA GALEGA
ÓS QUE NON LLES INTERESA NADA A MIÑA."
- Un dos problemas que se lle apoñen á súa obra é a súa
dificultade, ¿cre vostede realmente que é difícil?
A min escribir tamén me custa bastante traballo e ó mellor pode ser
que lle resulte difícil ós lectores, de todas maneiras eu recibo cartas
e outro tipo de comunicacións, de nenos, de xente nova e de xente
que non está no mundo da literatura e algo difícil seguramente é.
Pero ¿que é o difícil?, o difícil é aquelo que non nos interesa,
eu estou convencido de que hai lectores doutro tipo de literatura
galega ós que non lles interesa nada a literatura miña, porque a min
cando non me interesa un autor éme difícil de ler.
- Quizais a xente intenta buscarlles múltiples lecturas ás súas
obras, pois en novelas como Arnoia, Arnoia, que é unha novela de iniciación
e de aventuras parece que algúns lle buscan segundas lecturas que
ó mellor non hai. ¿As súas obras están escritas para seren lidas en
múltiples niveis ou non?
Na medida en que teñan algún valor si, pero non as miñas senón as
de todo o mundo. Ti les un gran relato contemporáneo coma "A
Metamorfose" de Kafka e alí pódese elucubrar, é algo que sae
así, é a forma que eu penso que debe ter a literatura. A literatura
debe de ser ambigua, cando é unívoca, cando o autor marca unha única
lección no lector está sendo totalitario, un dictador, e en pago leva
o non ser nunca un bo autor.
- ¿Segue viva Tagen Ata coma universo literario?
De momento non, de momento está levitando por aí noutros lugares,
o cal non quere dicir que non poida baixar.
- ¿Como xurdiu?
Xurdiu na cadea da Coruña, ocorréuseme crear un universo autónomo.
Había algúns precedentes, sobre todo as novelas Hölderlin. Eu quería
facer un mundo que non fose Galicia e que non fose ningunha época,
vagamente principios do século XX e saíu así. Para o que me serviu
Tagen Ata foi para incorporar personaxes e situacións que eu escribira
antes.
- Outra cuestión que se ten comentado moito e da que se fala nas
Facultades de Filoloxía é a cuestión dos topónimos e antropónimos,
¿son inventados ou non?
Uns son inventados e responden a un pulo que é o de crear un mundo
realmente autónomo, polo tanto cunha onomástica absolutamente autónoma
e eso é o que ocorre en Retorno a Tagen Ata. Despois pasaron os anos
e apareceu na miña vida Tolkien e admireino por ese desexo de creación
na súa obra dun mundo autónomo e ademais onomástica e lingüísticamente
no que se refire ós nomes propios. Causoume moita alegría chegar a
esa grandeza.
"NON
ME SINTO EN ABSOLUTO MARXINADO NIN NUNCA ME SENTÍN"
- Vostede é considerado unanimemente un dos mellores escritores galegos
de tódolos tempos, sen embargo no está tanto no candeeiro coma outros,
¿cre que está vostede marxinado no sistema literario?
Non, non me sinto en absoluto marxinado nin nunca me sentín. O que
ocorre é que hai autores dos que se fala menos en relación con outros.
Non creo que haxa culpables porque ninguén está encargado de darlle
bombo a un e de esquencer a outro, ninguén ten esa obriga nin ese
posto de traballo. Son as persoas, os lectores, os medios de comunicación,
os bibliotecarios, os profesores, é unha rede de axentes moi complexa,
que son os que configuran unha época literaria. Hai tamén autores
inxustamente silenciados, que non é o meu caso, pero si é o caso por
exemplo de Camilo Gonsar ou da poeta xenial María Marei. Pero cando
teñen valor ábrense o seu camiño e aparecen, non hai quen poida loitar
contra a verdade. Pero insisto eu non creo que sexa este o meu caso.
- ¿Que significa para vostede entrar na Real Academia Galega?
Para min unha satisfacción, supón que eu expoña uns puntos de
vista que levo publicamente defendido dende hai moitos anos. A Academia
ten que ser un instrumento de normalización e normativización da lingua,
de traballo efectivo a prol dela.
"NON
ME PARECE DOADO QUE RECIBA O PREMIO NÓBEL UN BASCO, UN CATALÁN
OU UN GALEGO"
- Igualmente foi vostede nomeado para o Nóbel, ¿cre que ten posibilidades?
Non, ningunha posibilidade. O premio Nóbel é eurocéntrico,
pero non da Europa dos pequenos países senón da dos grandes países.
Por primeira vez levouno un chinés, que nós non os coñecemos, e eso
é un condicionamento real. Cando se lle dá un premio Nóbel a un autor
do terceiro mundo é porque escribe en inglés necesariamente, non pode
escribir en vietnamita nin nunha lingua africana. Non me parece doado
que reciba o premio Nóbel un basco, un catalán ou un galego. Non é
posible de momento, se cadra de aquí a moitos anos sí, pero oxalá
me equivoque e me dean o premio a min ou a calquera galego, co cal
teriamos outras plataformas no mundo e abriríanse moitas portas que
hoxe practicamente están pechadas.
- Unhas das críticas que se lle veu facendo foi a súa posición
lingüística, pois nas súas obras innova constantemente a nivel léxico.
A Normativa oficial son Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma
galego. Pero en galego non se di marrao, seguramente se di porco,
pero eso non o corrixe ningunha norma, nin da Academia nin do Instituto
da Lingua nin de ninguén.
"EU
ATÉÑOME A UNHAS NORMAS (ortográficas e morfolóxicas),
NORMAS QUE EN LITERATURA SE PODEN TRANSGREDIR"
- Sen embargo hai algúns cambios a nivel preposicional, etc.
Si, sobre todo nos diálogos da narración ou no poema. Eu atéñome a
unhas normas, normas que en literatura se poden transgredir, non se
poden transgredir nas actas dun consello nin dunha instancia dirixida
ó Presidente da Xunta ou do Parlamento, nin no que é a lingua oficial.
- Fronte á literatura que é para experimentar.
Si, se non pobre dela.
- Outro proxecto no que vostede participa é a revista "A Trabe
de Ouro". ¿Como xorde?
Pois nunha conversa entre uns cantos amigos que formabamos parte do
clube cultural Adiante no seo da Confederación Xeral de Traballadores
Galegos e ocorréusenos facer unha revista de cultura con presupostos
de esquerda, nacionalista. Atopamos un editor que nos serviu de mecenas,
que foi Sotelo Blanco, quen nos ofreceu a súa editorial e o seu aparato
de producción e distribución. O resto é traballo militante, ninguén
cobra nada, cada un paga a gasolina do seu peto, teléfono do seu peto,
internet, todo. Ata agora non ten subvencións, compra o Ministerio
de Cultura uns cantos exemplares para distribuir na rede de bibliotecas
do Estado, pero a Xunta de Galicia non compra ningún porque non lle
gusta.
- ¿Que futuro lle ve á revista?
Na revista conseguimos unha rede mundial de colaboradores, sobre todo
europea, no eido do pensamento europeo, con autores filosóficos que
teñen publicado primicias en "A Trabe de Ouro". E nesa liña
mantémonos ben rodeados e ben apoiados e de aí para diante seguiremos
funcionando. Eu penso que o proxecto callou, non é que solidificase
porque eso sería malo, é coma un queixo, pero haino que seguir mantendo
así.
- Unha das cousas que se ten dito de "A Trabe de Ouro"
é que a pesar de ser unha publicación de esquerdas é considerada por
moitos como demasiado elitista, ¿non cre que iso é unha contradicción?
É como dicir que é elitista "O Capital" de Marx, que o é
forzosamente porque está dirixido a quen coñece o tema. Entón "O
Capital" de Marx non é que non o entendan, é que non o saben
ler, son analfabetos.
"CON
RESPECTO Á LINGUA, PRECÍSASE DUNHA NOVA POLÍTICA
QUE TEN QUE SER DE INMERSIÓN E DISCRIMINACIÓN POSITIVA"
-¿Como ve vostede o futuro da lingua galega?
Véxoo con preocupación, o galego segue retrocedendo. Problemas existen
en tódalas institucións, pero precísase dunha nova política e esa
nova política ten que ser de inmersión e de discriminación positiva
e de apoio total á evolución do galego e abolición do principio de
bilingüismo harmónico que sostén a actual política lingüística.
- ¿Cre vostede que o galego pode sobrevivir sen que desapareza
o español?
O español non ten por qué desaparecer, como é unha lingua útil está
moi forte.
-¿Cales son os seus próximos proxectos?
Pois non teño.
outras
entrevistas
|