PORTADA>>>
   
   
 

O OFFF ESTÁ MOI ON
Deseñadores, películas e moito Internet no Online Flash Film Festival de Barcelona (OFFF), unha competición de arredor de 800 películas en formato Flash acompañadas de conferencias, concertos e exposicións especialmente interesadas para fanáticos da representación visual e da animación en Internet. E, entre eles, competindo na categoría de videoclips, un galego, Álvaro Valiño, cunha versión dun tema dos Beatles.

Por Manuel Gago. Barcelona

¿Quen dixo que Internet non é un medio apto para o audiovisual? Unha tropa de deseñadores do Estado, de varios países europeos e dos Estados Unidos xúntanse nestes días no OFFF, en Barcelona. O festival é un híbrido: dunha banda, é un concurso -e ben concurrido, xa que este ano presentáronse máis de 800 películas flash de todo o mundo en categorías como animación, videoclips, documentais ou ficción. No concurso, deseñadores web noveis tentan dar un salto cara á fama ou algúns artistas xa non tan noveis proban sorte, como é o caso de Tim Burton, que concurre cun capítulo dunha serie de ficción que desenvolveu para a rede. Doutra banda, algúns dos artistas máis destros no manexo da técnica dos gráficos animados para Internet comparten experiencias co numeroso público congregado.

¿Flash...que?
A estas alturas, podes estarte a preguntar que demos é eso do Flash. En realidade, trátase unha tecnoloxía desenvolvida por unha empresa norteamericana -Macromedia- coa que se poden desenvolver o que se chaman sitios web de terceira xeración. Sitios que en si mesmos sexan unha animación, nos que se poidan combinar audio, video e movemento en paralelo ás interaccións dos lectores. O truco está en que tanta cantidade de información se distribúe pola rede dun xeito chamado streaming, no que o usuario pode empezar a ver as cousas antes de que se descarguen por completo. Na actualidade, segundo datos de consultoras de Internet, arredor do 96% dos usuarios do mundo poden ver películas realizadas en Flash.

Por forza, algo que permitira ós deseñadores sen excesivos coñecementos informáticos combinar a forza expresiva do audio e da imaxe coa capacidade de reacción da páxina ós usuarios tiña que provocar unha explosión de creatividade. Iso é o que se está a poder ver no OFFF estes días. Rapaces e rapazas vestidos á última tendencia (o superar os 40 é algo moi raro nestas profesións) paseando e compartindo visións e puntos de vista con algúns dos mellores creadores do mundo

.
Os deseñadores tentan encher a web de creatividade

A web como un sistema autónomo e aleatorio

Creadores coma o excéntrico Joshua Davis. "Un auténtico e xenial pirado", dixeron algúns dos asistentes. Quen o vira dubidaría de se estaba a falar ou a realizar unha performance diante dos asistentes ás conferencias. Davis é o autor de dous grandes referentes na Internet: as webs Praystation.com (si, con "r") e Once Upon a Forest. Praystation é un diario creativo, no que Davis representa o primeiro que se lle vén á cabeza a través de xeometrías e fórmulas matemáticas. "Realmente as ideas véñenseme á cabeza cando ando pola rúa ou leo un libro, e acabo concibindo as webs como sistemas cun funcionamento interno, no que os obxectos reaccionan e se moven entre si e nos que os usuarios poden ter influencias. Pero un sistema coordinado de seu". Davis espertaba sorpresa e admiración entre os flasheiros alí xuntados, a quen seguían como un auténtico gurú. Davis, pel completamente tatuada con xeroglíficos mexicanos, explicou que as súas webs non se centran tanto nos obxectos como nos movementos e as asociacións resultado dunha ecuación matemática. O resultado son obras mestras do deseño web como Once Upon a Forest , unha combinación de ambientes sonoros tormentosos e ventoreiros con xeometrías inspiradas na natureza e nas montañas.


Joshua Davis é un dos gurús do Flash

Jam Flash Session

Polas tardes, a acción trasládase de conferencias ás Cocheiras de Sants, onde se produce unha extraña fusión entre as proxeccións de películas en flash con sesións de DJs, obradoiros de debate sobre a creación de productos ou mesmo pódese ver en vivo como un equipo de traballo desenvolve os seus proxectos. O xurado que premiará as mellores películas flash en categoría é do melloriño que se pode atopar en deseño flash e arte dixital do mundo: Montxo Algora de Art Futura , David Carson , Hillman Curtis , quen ademais estará impartindo unha conferencia no Consello da Cultura Galega en outubro, Joshua Davis ou Josh Ulm.


Beatles dende A Coruña

A pesar de ser a tecnoloxía máis empregada para a arte e o deseño interactivo no mundo, Flash a penas é empregado en Galicia como vehículo de expresión de arte dixital. Unha agradable sorpresa foi atoparnos no festival ó único concursante do noso país neste evento mundial, Álvaro Valiño. Álvaro é infografista de La Voz de Galicia e nos seus ratos libres atreveuse co flash para realizar unha película de tres minutos en homenaxe a un dos seus grupos musicais preferidos, os Beatles, que foi seleccionada para competir na categoría de videoclips do OFFF. O título da película: Tomorrow never knows. Aproveitamos para ter unha conversa con el.


imaxe de Tomorrow never knows de Álvaro Valiño

Culturagalega.org: ¿Cómo comezaches no deseño interactivo?
Álvaro Baliño: Faláranme moi ben desta tecnoloxía cando aínda estaba empezando. Fixera algún experimento pero realmente aínda non me convencera. Foi coa versión 4 do programa de creación cando me din de conta que non se me podía escapar. Inicialmente facía cousas puntuais, ata que me din de conta de que o que tiña que pensar era en contar historias, en proxectos globais, con moitos retos de forma conxunta.

CG: Ti es infografista profesional. ¿Que diferencias percibes entre o deseño para periódicos e o deseño e papel?
Á.V.: Uf, pois moitos. Cambia a linguaxe que tes que empregar e en xeral, toda a visión. En primeiro lugar, xa non te moves nunha imaxe liñal. Tes que ter unha cultura visual forte, unha cultura visual en movemento, e tes que ter moi en conta un factor importantísimo: o son, o audio e como o integras nunha historia que contar.

C.G.: ¿Cal é o argumento da túa película?
Á.V.: O clip é unha versión visual dunha canción dos Beatles. Inicialmente era visualmente complicado, pero despois adapteino para un público máis amplo, para que non fora só posible de entender para expertos navegadores. Ten unha certa estética avangardista, emprego códigos moi actuais para versionar a canción. Hai pasaxes, por exemplo, da vida de John Lennon polo medio.

C.G.: ¿Que recomendarías a aqueles que queiran facer películas interactivas?
Á.V.: Vital, un storyboard. Se ti fas un traballo pequeno, un clip, non te das conta. Pero cando te enfrentas a tres minutos, que é o que me pasou a min, tes que planificar todo o traballo facendo un guión clariño e debuxando cada unha das esceas. É o xeito de garantir que a túa película sexa homoxénea.

C.G.: ¿Cómo ves o futuro do deseño web?
A.B.: Non sei a onde nos levará todo isto, pero si que terá que ver, por exemplo, con traballar moito máis en equipo. Eu estaba afeito a traballar en solitario, e agora decátome de que as cousas hai que facelas entre varios. Polo demais, penso que nesto que estamos a traballar agora é o inicio dun novo xeito de deseñar.

 

 

 

 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000