Arredor do centro:
Era un basco, un catalán e un galego...



 

 



Aproveitando a presencia en Compostela de tantos poetas de todo o mundo con ocasión da Celebración Mundial da Poesía aproveitamos para xuntar a tres escritores de sistemas literarios próximos e con moitos puntos en común. A idea era que nos desen a súa visión sobre as súas respectivas literaruras, semellanzas e diferencias da man dun basco, un catalán e un galego: Felipe Juaristi, Vicenç Llorca e Vicente Araguas.

Felipe Juaristi: Este poeta e escritor é considerado un dos máis representativos da literatura basca actual. Fundador das revistas Literatur Gazeta e Porrot, ten publicados libros de poemas coma "Denbora, nostalgia", "Hiriaren melankolia" ou "Laino artean zelatari". Ten acadado o premio Euskadi de Literatura coa súa obra "Xeografía das preguntas", no que expón a loita do home por ser que é co poeta que é polo que escribe.

Vicenç Llorca:
Licenciado en Filosofía e Letras e en Filoloxía Catalá ademais de poeta ten publicado libros como "La Pèrdua", Places de Mans (polo que conseguiu o III Premio Salvador Espriu para poetas novos, L'Amic Desert (Premio Ausiàs Marc) ou Atles d'Aigua (Premio Vicent Andrés Estellés). Ademais é autor de numerosos ensaios e traballos sobre a poesía e estética


Vicente Araguas: Poeta, cantautor, crítico literario e ensaista, formou parte de Voces Ceibes, xeración de cantautores sobre a que escribiu un ensaio. Ten recibido diversos premios de poesía en español e en galego publicou libros coma "Paisaxe de Glasgow", "Calidoscopio" ou "Poemas para Ana Andrea". Na súa poesía evolúe desde a procura dunha visión mítica do cotián ata o retorno a infancia.

por Germán Hermida

-¿Como vai a cousa?

A este respecto, Juaristi teno claro: "A literatura basca está no mellor intre dos últimos anos" cuns mil cincocentos títulos editados cada doce meses. A pesar de que recoñece que o seu idioma está aínda padecendo os efectos da creación dun basco estándar que se realizou hai vinte anos, cre que a normalización está a funcionar e aumenta o número de falantes.
Unha peculiaridade que sinala dos escritores bascos é o feito de existir, nas novas xeracións, nunha grande porcentaxe de bilingües e mesmo trilingües. A este respecto, destaca
a existencia de poetas que comparten a súa escrita en basco con linguas coma o galego, o catalán, o inglés, o francés ou o castelán, dándose unha mestizaxe moi relacionada coa emigración e coas diferentes orixes dos autores. Unha das mudanzas que destacou nos últimos anos foi o cambio na motivacións para escribir, que pasan de temas máis sociais a unha motivación máis persoal e variada.


A literatura catalana atópase nunha situación de normalización case absoluta, aínda que para Vicenç Llorca hai unha falta grave de difusión internacional. A publicación de máis de oito mil libros ó ano colócana nunha posición equiparable á de moitos e estados, sendo o catalán a décima lingua máis traducida do mundo.
A contradicción neste caso é para Llorca que xa non se pode falar dunha literatura menor, pero segue sen poder considerarse o catalán coma un sistema central. Do panorama actual destaca o feito de atoparse en activo varias xeracións de escritores, e sinala que, a pesar dos índices baixos de lectura, hoxe lese máis ca nunca.



Vicente Araguas puntualiza que os índices de lectura actuais están moi influídos pola presencia de lecturas obrigadas no ensino, o que crea unha imaxe enganosa xa que non está clara a cantidade de lectores vocacionais que existen.
Recoñecendo que o incremento de títulos publicados é moi importante, Araguas sinala o feito das escaseza das tiradas, especialmente no caso da poesía, en que se superan escasamente os catrocentos exemplares. Onda o retroceso da práctica da lingua, sinala que a literatura galega atópase nun dos momentos de máis calidade que, sen embargo, coincide cunha escasa proxección cara o exterior.
Neste sentido reivindica a figura de Manolo Rivas como representante das letras galegas no exterior, e lamenta o escaso eco que ten un clásico vivo coma Méndez Ferrín.




Un xénero periférico en sistemas periféricos: A poesía

Desde Cataluña, Vicenç Llorca puntualiza que na difusión da poesía ten grande importancia unha educación estética que leve a xente a este xénero de xeito voluntario, e destaca que os lectores de poesía son moi fieis.

Á pesar da súa posición coma xénero minoritario, Llorca sinala o prestixio da poesía en Cataluña pola exisencia dunha tradición que se remonta á Idade Media, e destaca que o século XX foi un auténtico Século de Ouro para este xénero, con autores coma Foix, Carner, Riba e Espriú ou outros máis actuais coma Martí Poll.En canto á popularización da poesía, sinala a importancia que están a acadar os recitais poéticos e creación de novos xéneros que mesturan poesía, prosa e xénero espistolar.


Juaristi salienta unha peculiaridade de Euskadi na percepción da poesía, e é a grande implantación dos bertzolari, poetas populares que improvisan poemas. Segundo el esta forma de literatura, moi difundida no rural, cubriu ata hai moi pouco a función social e de referencia cotiá da poesía, quedando a escrita para a expresión máis íntima e persoal. Sen embargo, a urbanización e a alfabetización provocaron unha maior afección á poesía escrita nas cidades, que sen embargo e como en Cataluña, difúndese de xeito masivo mediante os recitais, maioritariamente acompañando a poesía con música, pintura e outras artes.


Araguas pola súa banda, entra na cuestión da difusión pública da poesía sinalando que o último poeta con recoñecemento popular foi Celso Emilio. En contra desta difusión xoga, segundo el, "o número excesivo de poetas está fodendo o invento". A facilidade de edición permite, segundo el, a exposición pública de obras de baixa calidade que distorsionan a percepción social da poesía, extremo no que se amosa de acordo Vicente Juaristi, que puntualiza o feito de que para unha editorial é máis barato publicar poesía que prosa, aínda que tamén se venda menos.


Cambiando de tercio, Vicenç discute o termo "literatura periférica" que considera "tardofranquista" pola implicación da existencia dun "centro", extremo no que coincide cos outros dous poñentes que tamen critican o termo "linguas minoritarias". Para Llorca, o concepto de periferia ten valor falando do lugar da creación con respecto do conxunto da sociedade.


A liberdade creativa dos sistemas non-centrais

En xeral os participantes están de acordo neste punto. Así, Llorca sinala que o coñecido poeta catalán Pere Gimferrer baseou a súa elección para expresarse en lingua catalá nas maiores posibilidades expresivas que lle ofrecía.
Segundo o catalán, o emprego da lingua remata creando xeitos tipificados de expresión en diversos ámbitos, e destaca a importancia de empregar a lingua nun sentido dialéctico con outras linguaxes e dun xeito aberto á realidade. Nese mesmo sentido pon o exemplo da escasa difusión da literatura medieval catalá, da que se poden rescatar elementos de xeito moito máis creativo que o que pode acontecer en español co Quixote.
Para Araguas, en galego a creatividade vese no caso galego no emprego de diferentes normativas para a creación literaria, e mesmo na opción de empregar formas dialectais que leva ó seu máximo desenvolvemento Eduardo Blanco Amor en "A Esmorga".



¿Que será de nós ante a mundialización?

O optimismo é común sobre a influencia da mundialización nas linguas minoritarias. Para Juaristi este proceso pode axudar a estas linguas a desenvolverse con normalidade xa que permitirá a intercomunicación entre periferias e unha disgregación dos centros. A pesar de todo, recoñece o perigo dun incremento do canibalismo lingüístico.


Desde Cataluña, Llorca sinala que se debe relativizar o termo "mundialización", e coincide con Juaristi sobre a desaparición de centros e o favoceremento do local que isto supón. Un favorecemento que se incrementará tamén pola maior valoración que se fai do diferente e das formas culturais tradicionais fronte á uniformización.


Citando a Rubén Darío, Araguas resume a cuestión lembrando que xa hai cen anos o poeta nicaragüense se preocupaba pola excesiva difusión do inglés e a posibilidade de eliminación doutras linguas que levaba aparellada.

 

 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000