-¿Desde
o punto de vista da túa obra, ¿qué entendes
ti por poesía?
Eu creo que
por poesía non entendo nada. Para min a poesía é
unha forma de coñecemento que se expresa dun xeito artístico.
Toda a miña poesía está atravesada por esa
concepción integral aínda que, claro, cada libro de
poesía é distinto pero no fondo sempre latexan preocupacións
individuais, como o amor e o erotismo, e cuestións do terreo
colectivo, como a utopía libertaria ou a liberación.
E estas preocupacións quedan reflectidas en toda a miña
obra, ata a última que publiquei, con Eugenio Granell, Rastros
de vida e poesía,
na
que se recollen apuntamentos que foron quedando doutros libros,
lugares, retazos. Neste sentido, creo que esta obra recolle moi
ben a miña concepción da poesía como coñecemento
integral da vida e por iso chameille así.
-
Naqueles
poemas nos que aborda cuestións do ámbito colectivo,
¿calificaríaos de poesía social ?
Ó
longo do tempo fixéronse unha grande cantidade de etiquetas
que eu non recoñezo nin aprecio. Eu creo que a poesía
verdadeira, a que merece ese nome, só é a poesía
integral, a que expresa enteiramente ó ser humano, en todas
as súas facetas, desde o íntimo ó social. Non
creo na poesía social , alientante no terreo
individual e que nega á persoa nin na poseía
intimista , illada do mundo e narcisista. Todo está
na natureza humana e iso é o que ten que reflectir a poesía.
Un escribe con todo o que ten, con todos os seus sentimentos amorosos,
eróticos ou sociais. Se un escribe parcialmente, para contentar
a un xurado ou a un público non está a escribir poesía,
está facendo deseño industrial, comercio literario,
pero non auténtica poesía. Un ten que deixarse a pel,
todo o que leva dentro cando fai poesía, senón non
merece á pena
"Un ten que deixarse a pel, todo o que leva dentro cando
fai poesía"
|
-
¿Apostaría
entón por facer unha poesía nacida da experiencia?
Si, fundamentalmente,
pero non só da experiencia porque o que eu tampouco quero
é que se confunda a miña obra co que se vén
chamando poesía da experiencia , que é
unha trivialidade. Toda a miña poesía é autobiográfica
porque non fago poesía especulativa, con elementos alleos
a min. Eu iso nunca o puiden facer e non o faría.
-
A
temática amorosa está moi presente na súa obra
e, xunto a ela, a figura da muller coma paixase, coma patria, coma
natureza, ¿é a muller a chave para entendermos o cosmos?
Toda a miña
poesía é amorosa, eu nunca fixen un poema no que o
amor non estivera presente. Na miña opinión escribir
dun tema diferente non merece a pena, polo menos a min non me motiva.
E claro, esta poesía amorosa ten unha serie de persoaxes
da miña propia experiencia, desde á miña nai
á miña filla, pasando por poemas de amor erótico.
O que si quero aclarar e que eu nunca falaría do amor carnal
de maneira abstracta, dun xeito pornográfico e descoñecido.
A miña poesía non ten coma obxectivo excitar a un
público abstracto, nin conseguir adeptos como pode tentar
a literatura relixiosa ou política. Eu non creo que o autor
deba considerarse como ese ser omnipotente que decide que sentimentos
vai provocar no seu público e emprega as armas que considera
precisas para iso. En canto á figura da muller, eu sempre
tiven a tendencia de identificar á muller como cifra, como
explicación de tódalas claves do universo, da natureza
e da miña propia poesía. Isto non quere dicir que
eu pense que a muller é a cifra de todo, aínda que
para min si, nalgún aspecto.
-
O
cine é un gusto persoal que xa lle ven de neno, ¿cómo
quedou reflectida esta inquedanza na súa obra?
O cine foi
para min unha paixón desde moi neno. A miña nai levábame
ó cine case que todos os días e ó principio
eu quedaba durmido no seu colo. Este interese quedou reflectido
en case todos os meus libros de poesía, que acostuman ter
algunha refencia ou nos que o cine é o eixo central, como
Cinepoemas.
Os meus contos tamén están influidos, especialmente
Meta-relatos, no que hai refencias bastante notorias, incluso
escribín algúns contos que son totalmente cinematográficos,
como o da Puta Filósofa. Tamén escribín
moito sobre cine, xa desde o franquismo, participei na rodaxe de
películas, fixen un vídeo,... desde logo que é
unha faceta importante na miña vida e que procuro cultivar,
índo o cine sempre que podo, aínda que cada vez teño
menos tempo.
Nas miñas
referencias ó cine fago fincapé na circunstancia relacionada
coa visión da obra, no entorno vital do visionado, raramente
me inspira a propia película.
-
As
mencións a elementos da paisaxe galega, ¿teñen
como pretensión saír do localista e busca-lo espírito
de universalización cultural?
Eu considérome
fundamentalmente universalista pero o universalismo non nega o local,
é máis, a negación do lugar propio é
algo profundamente alienante e antiuniversalista porque supón
considerar que hai un centro e unhas periferias. Esta forma de pensar
reflíctese tanto nos libros que publiquei en Galicia, coma
Lugo Blues,
Historia
da lúa
ou A boca violeta e, sobre todo, en Poemas de amor sen
morte, como naqueles escritos lonxe de Galicia e que, a priori,
podería pensarse que son menos localistas, como Extrema
Europa ou A muller núa, escrita a cabalo en Nova
York e Normandía. Pero iso sería unha simplificación
porque cando un escribe poesía faino influido polo lugar
onde está naquel intre, pero tamén polo lugar que
leva dentro del. Neste sentido eu son do pensamento de Rosalía
que dicía que toda a terra é dos homes ,
eu engadiría e das mulleres , e, polo tanto, hai que gozala, sen renegar
das orixes pero sen pecharse ó foráneo. Eu son partidario
dunha poesía e dunha vida integral con raíces, porque
as temos, pero sen fronteiras, porque non as queremos, eu polo menos
non quero cortapisas para percibir o mundo. Eu non renuncio as miñas
raíces, téñoas e sempres virán comigo,
alí onde estea, como lle aconteceu a Valente. De aí
que eu escriba en galego, porque é a miña lingua;
pero non me parece un pecado mortal escribir noutra lingua, en consonancia
coa situación que se está a vivir e do lugar no que
un se desenvolve. Así, por exemplo, o feito de que fixese
un libro con Lugo como protagonista non quita que sexa un libro
universalista como o resto da miña obra. Eu levo Lugo dentro
de min, aínda que non estea alí, e creo que esta concepción
queda reflectida en Lugo Blues.
"Non
me parece un pecado mortal escribir noutra lingua, en consonancia
coa situación que se está a vivir"
|
-A
maioría da súa obra é poesía pero nos
últimos anos orientouse cara ó relato curto, ¿hai
cousas que non pode expresar coa poesía?
Os contos
que fixen sempre naceron como un intento de expresar aquelo que
non podía coa poesía. Tratábase de contar pequenas
historias, sempre dun xeito intenso pero diferente á composición
poética, que é totalmente ardente, intensa e mundana.
O conto presenta unha vantaxe fronte á novela como é
a de poder contar unha pequena historia pero sen ter que renunciar
ó rapto, o apaixoamento co que eu escribo, algo inconcebible
na construcción dunha novela, que esixe un tempo cumprido,
require pensar fríamente para construir a arquitectura da
novela. Ás veces eu sentía a necesidade de escribir
así por unhas determinadas condicións persoais e con
ollos a unha serie de destinatarios, nunca escribo para a xente .
A xente non existe, non ten rostro, nin mans, nin
corazón, non a coñezo: é ninguén, en
cambio si existen as persoas, de carne e óso. A min só
me interesa escribir para o que hai, porque iso é o que amo
e a amo con tódolos seus defectos e virtudes porque a vida
son imperfeccións e, sen elas, non existiría nada.
-¿qué
vínculos e influencias adquiriu doutras literaturas?
As influencias
que na miña obra hai da literatura hispanoamericana son moitas.
Cando eu empecei a escribir coincidiu coa última etapa do
franquismo, a transición e, nesa época, os escritores
latinoamericanos eran un vento fresco que viña de fóra
e ós que tiñamos moito acceso pola lingua orixinal,
ademais de aportarnos moitas novidades, tanto na poesía como
na narrativa. A min houbo moitos escritores que me interesaron e
supoño que forman parte do meu acervo cultural, coma Borges
ou Neruda. O primeiro ensaio que eu publico foi sobre Borges, como
unha das grandes figuras da literatura universal e o máis
grande escritor en lingua castelá desde Cervantes, como narrador
conectado con tódalas culturas do mundo. Escritores coma
Borges, que conteñen o mundo na súa literatura e que
teñen obras que nos levan á filosofía, a literatura,
ó cine, ó oriente ou occidente. Todo iso interesoume
motísimo porque eu tiña ese mesmo espírito
universalista, aínda que mantivera diverxencias con
el, coma a das ideas políticas. Ademais hai que ter en conta
que eu accedín a Borges, a Neruda, a García Márquez, Cortázar, Huidobro, cando estaba no instituto, nunha
etapa formativa da que quedaron moitas pegadas. Posteriormente fun
profesor na universidade de todos estes autores e voltaron a estar
presentes. Iso non quere dicir que sexa a única literatura
que me influiu, ou a máis importante xa que houbo moitas
outras correntes que tamén me interesaron como a do surrealismo,
que aínda me segue entusiasmando, como o pon de manifesto
o feito de que acabe de publicar unha obra en colaboración
co máximo representante do surrealismo en Galicia na persoa
de Eugenio Granell.
|